jueves, 28 de octubre de 2010

grandes... ENORMES! a miña selección de protagonistas do terror. Hoxe: Bela Lugosi



Haberá quen diga "Bela de primeiro?" e eu digo "pois si". Hai alguén anterior e mellor -e non se me vai escapar- pero Bela ten un sitio nos nosos corazóns por pura xustiza. E o motivo máis obvio é o propio nome deste caderno, que sen Bela quedaría nun simple "eu xa ceei". Pero non, el faino millor ca iso, el establece pautas. El leva unha capa que identificamos nun acto reflexo, sen pensar en que é só attrezzo, e el só un actor. Faino tan natural coma os impulsos máis básicos, a fame, a sede e o escapar da luz.

Respiramos a Drácula gracias a Lugosi. Bela fíxose o vampiro, a persoa, o actor e o vampiro outra vez, pero todo tan xunto e irremediable que era unha vela nunha mansión de sillares inmensos e escaleiras lúgubres que se desprazaban case trepando pola parede. E coa cera mesturábase sangue ó son da música harmoniosa dos fillos da noite.

Bela fíxose un icono do xénero, gracias en gran parte ó aceno e ó acento. Son algo moi difícil de transmitir os valores tan abstractos que crean a atmosfera do horror. Se Browning era o Poe do audiovisual, ben soubo sacarlle partido ó inmigrante cargado de sex-appeal que non sabía inglés. 


Posiblemente o maior defecto de que o acusan é de ser excesivo no xesto, de ser demasiado teatral no cine; pois será para gustos, a min Bela resúltame perfecto. O príncipe da escuridade, seductor e repulsivo, capaz de hipnotizar, con costumes exóticas, antigas e de orixe nobiliaria. Pero dicíanlle esaxerado. Non estou dacordo, non creo que poidamos entender millor ca el como debía moverse un ser que podía transformarse en millóns de ratas de ollos vermellos. 



Se vos interesa podedes ler unha biografía moi curiosa sobre el, se a atopades -gracias, Álvaro, pola accesibilidade documental. Está escrita por Edgar Lander e publicada en Anagrama. Ten un ton amable, sen caer en cursiladas, e achéganos a iso no que se convertiu a sua vida, ese híbrido que sería tán fácil coma mentira etiquetar.

Se alguén aínda non se namorou del eu podo suxerir o remedio, velaquí a súa filmografía, aínda que o prudente sería comezar por Drácula. E se sodes insensibles eu xa non teño solución.


Para goce visual unhas imaxes míticas... Que só poño imaxes de Drácula? ui! nin me dera conta...









Fotos tiradas de paperblog.com, vadeultra.blogspot.com, aullidos.com, magiafantasma.blogspot.com, kekai.blogspot.com, micine-halbert.blogspot.com, tiempoderuinas.wordpress.com.

miércoles, 20 de octubre de 2010

unha de serie B... Refugio Macabro

A Hammer está máis que ben pero non era a única que traballaba o noso terreo, tamén estaba a Amicus Films, que lle colleu prestado un pouquiño para esta peli ó noso queridérrimo Peter Cushing, que non quita que valoremos -pero sen adoración- as aparicións dos novísimos Robert Powell e Charlotte Rampling. 
 
Peli do 1972, en inglés Asylum, dirixida por Roy Ward  Baker. Vai dun siquiatra -Powell- que busca traballo nun manicomio, para iso terá que pasar a proba de ir falando cos distintos pacientes ingresados e descubrir quen era o antigo director que toleou de súpeto e rematou alí pechado. Se o descobre danlle o choio. Contando cadansúa paranoia intercálanse as pequenas historias das que se forma o filme.

Escrita por Robert Bloch, autor do xénero ó que debemos, por exemplo, Psicosis. E que nos deixa algunhas pingas de guión moi ben colocadiñas coma 
"Descansa en pedazos." 
"(...) tempranito y muy tempranito y si no tiene el dinero haga usted las maletas
ou "Mantén las puertas cerradas y así evitarás las corrientes."


ai, que home, como esforza a vista, algún escuro motivo terá, mmmmmmm...
Cando o aspirante ó posto vai subindo as escaleiras pode disfrutar da decoración en plan imitación gravados de Goya que atopa enmarcados polas paredes, algúns moi curiosos.

e isto que será? haberá que ver a peli logo

Ó principio vese de vez en cando algún brillo de luz moi agresivo -a fiestra do fondo do corredor, a porta metálica reforzada- que xa nos avisan do cambio de espazos e realidades unha vez traspasados estes umbrais -pero ti así o quixeches Powell, non podías apuntarte en infojobs, alma cristiana?


Non quero dicir nada pero espero que vos acordedes desta peli a próxima vez que vexades papel de embalar.




Durmide ben, si?



fotos tiradas de hauntedfilms.blogspot.com,creepycrew.foroactivo.com.

martes, 19 de octubre de 2010

Zombieland

Un par de cousas sobre unha peli que todo o mundo pon polas nubes: Zombieland.

A peli gustoume, estar está moi ben feita, ben interpretada, riste, bos efectos, cadencia, a música está xenialmente colocada, a acción encaixada como lle toca,... para que nos imos enganar? que pegas lle vou poñer? pois unha ben grande -como rancia e purista do xénero de terror que son- esta peli ten un plantexamento que fai que lle guste a calquera persoa á que non lle guste o xénero, é ou non é? A calquera amigo do tipo "de zombis non me gustan, con tanto sangue... agghh" poderiamos convencelo para que fora e lle ía gustar seguro. Supoño que iso é algo bo, sobre todo para a recadación.

Pois iso, apta para calquera.
E como resulta que non é ese o perfil de pelis das que me gusta falar aí o deixo.

Na páxina oficial podedes xogar a matar zombies.

Carátula tirada de thenextfreakshow.com